Powered By Blogger

6.30.2022

📚O Pasaporte Lector 📚

Traballar as lecturas de xeito diferente a través de actividades creativas de expresión escrita e artística e ao mesmo tempo promover a lectura crítica e comprensiva. Entender a lectura como pracer e fonte de aprendizaxe.

Por iso creamos o Pasaporte Lector , que como o seu nome indica trátase dunha viaxe polas lecturas. Cada libro é un novo destino do que se parte de cero.
O alumnado de 2.º e 3.º da ESO viaxou co seu pasaporte a través das páxinas, das liñas... 

E froito da imaxinación, do esforzo e dedicación chegaron estas marabillosas creaccións: 


3.11.2022


Día internacional da muller, 22

Cando chegará o momento en que todos os días sexan os nosos?
Aínda así, dende o departamento de Lingua Galega e Literatura do CPI de Navia de Suarna quixemos renderlles unha pequena homenaxe a todas as mulleres que nos rodean. Ás que temos ao noso carón e que, sen dúbida, son as máis merecentes de recoñecemento por axudarnos cada xornada.
GRAZAS!





 



3.10.2022

Amor non só hai un: 14F

 Somos conscientes de que o amor se manifesta nas nosas vidas de distintas maneiras, por iso falamos de distintos tipos de amores.

Os gregos crían que amarse a unha/un mesma/-o era a clave para darlle amor aos demais.

Cremos firmemente que as persoas que se odian a si mesmas teñen menos amor para compartir que as que si o fan e apertan tanto as súas virtudes coma os seus defectos.

Así, o día do amor traballamos o AMOR PROPIO e o alumnado escribiu estas cartas en primeira persoa a si mesmo. Reflexionou sobre as súas virtudes e agradeceu todas as cousas boas que ten.

Unha boa actividade para recoñecermos o válidas/-os e queridas/-os que somos.



AMOR PROPIO


2.27.2022

Rosalía: 23F

Pensabamos que o día do nacemento de Rosalía de Castro era o 24 de febreiro. Pois este ano, grazas á descuberta da investigadora Sagrario Abelleira, sabemos que Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro.

Sagrario Abelleira, no proceso de busca de datos biográficos de Rosalía, chegou ao Arquivo Diocesano de Madrid e así ao expediente matrimonial da autora, onde a súa nai, Teresa de Castro, declara que Rosalía naceu o día 23 de febreiro.

Por que aparece no Arquivo de Madrid? Porque, como ben sabedes, alí casou Rosalía con Murguía o 10 de outubro de 1858, na Igrexa de San Ildefonso.

Mais a descuberta deste dato leva a Sagrario á pescuda doutros datos que poden modificar, substancialmente, a biografía de Rosalía.

Fálanos Sagrario tamén de Teresa de Castro, unha nai que moitas veces acusaron de desnaturalizada e nada ten de certo. Teresa non abandonou a Rosalía e considéraa "filla natural", como se denominaba naquela altura. 

Recolle ademais o expediente, que Rosalía foi aleitada durante uns seis meses por unha muller de nome María, da parroquia de Ortoño, a onde foi levada pola nai.

Déixanos Sagrario no imaxinario a paternidade de Rosalía xa que a día de hoxe non temos ningún documento irrefutábel que o demostre senón que se trata de memoria oral: "din que o pai é..."

Coñeceremos novos datos da vida de Rosalía e seremos así quen de darlle a alegría e viveza da que é merecente? 

Seremos quen de mudar a negra sombra polo corido arco da vella dos seráns de Rosalía?

No CPI de Navia de Suarna démoslle cor e vida á nosa musa. Aí vos deixo unha mostra de como gozamos da súa figura e tamén do seu saboroso Caldo de Gloria grazas ás marabillosas mans de Maricarme e Adami.


10.24.2021

O día das bibliotecas 

Hoxe celebramos o día das bibliotecas, o espazo dende o que podemos viaxar a todas as partes do mundo sen maleta.

Así o fixo o meu alumnado mediante marabillosos títulos como: Cartas de inverno, O corazón de Xúpiter, O faro escuro...

E despois desta lectura seguro que vos sorprendemos co que imos argallar... mantédevos á espreita!






2.ºE Sanxillao

Boa tarde, 
As despedidas non son o meu forte, por iso as evito na medida do posible. Quizais neste caso sexa un: "ata logo!, non sabemos o que nos depara o camiño. 

Sexa como sexa, foi un pracer que a vida nos fixera coincidir, meus titorandos e titorandas. Ensinástesme moito e puiden comprobar, unha vez máis, que o respecto mutuo funciona e que se todos e todas imos na mesma dirección, o ensino funciona.

Especial mención para a artista de 1.ºE, Noa Castrillón, por agasallarme con esa lámina de Rosalía que loce fermosa no meu fogar. ARTISTAZA!!

GRAZAS E QUÉROVOS!!💖