Lembro a primeira vez que entrei no gabinete da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) de Lugo alá polo ano 2000. Era unha recén licenciada e dispoñíame a buscar un oco nese mundo da docencia, nese mundo que sempre soñara dende nena. Cheguei ao gabinete coa intención de pedir información para formar parte das listaxes de profesorado colaborador e o primeiro que escoitei foi: «Para iso hai que ter experiencia docente». Escoitara ben??? Para dar un curso por primeira vez tiña que ter experiencia primeiro??? A verdade é que agora que o penso, creo que xa era unha premonición de que a relación do profesorado colaborador coa SXPL ía ser un sen sentido. Aquela era unha frase reveladora.
E así foi como pasei 14 anos da miña vida impartindo cursos de iniciación e perfeccionamento, actualmente CELGA, e de linguaxes específicas. Profesionalmente foron anos moi satisfactorios xa que podía transmitir o meu amor pola nosa lingua e ser un axente normalizador. Gozaba da miña profesión porque me gustaba. Mais agora doume conta de que este tipo de traballadores non lle interesan á nosa administración. Non interesa a xente que traballa con devoción e crendo no que fai como faciamos o PROFESORADO COLABORADOR.
![]() |
E así foi como cheguei á maternidade, sendo PROFESORA COLABORADORA. Lembro ben o derradeiro día que saín de impartir clase ás 22.00 h dun martes e entrei no hospital dúas horas máis tarde. Non podía ser doutro xeito xa que non tiña dereito a baixa maternal.
E así foi como comecei a cavilar nos 14 anos que pasara traballando para a SXPL. Non tiña ningún dereito social en pleno século XXI. Traballara sen estar de alta no INSS e polo tanto non tiña dereito a baixas, nin dereito a paro, nin axuda familiar, nin tarxeta de Seguridade Social… Non tiña nada. Acababa de ter un fillo e non tiña ningún tipo de cobertura nin de dereito básico e fundamental coma calquera traballador/-ra.
O profesorado colaborador só tivemos obrigas: obriga de atender constantemente o teléfono por se solicitaban os teus servizos, obriga de ler diariamente o correo por se solicitaban os teus servizos, obriga de ir aos gabinetes cada vez que cho solicitaban, obriga de impartir clases de calidade, obriga de asistir a cursos de especialización, obriga de cumprir estritamente todas as ordes recibidas, obriga de impartir a centos de quilómetros e un longo etc. Mais non tiñamos ningún dereito: non tiñamos dereito a enfermar, non tiñamos dereito a paro, non tiñamos dereito a que se nos recoñecese experiencia laboral, non somos expertos docentes, non tiñamos listaxes públicas, non temos puntuación por tempo traballado en ningunha oposición, ningunha axuda social, etc. xa que non estabamos dados de alta na seguridade social e polo tanto non existimos profesionalmente.
E aínda hai quen se atreve a afirmar coa boca chea: «Estaban muy bien dotados económicamente, además». Férveme o sangue cando escoito o “además” porque non hai máis, só tiñamos o soldo que gañabamos froito do noso esforzo e dedicación. E así foi como chegamos á xustiza. Tivo que ser ela quen nos recoñeceu unha relación laboral e consecuentemente os nosos dereitos coma calquera traballador/-a do século XXI. Dános a razón porque a temos e porque queremos gozar dos nosos dereitos básicos.
E así foi, sen máis.