Comezamos este curso con Anya e con Xiana. Estamos sumerxidas/-os neste marabilloso libro e a historia que nos conta emociónanos e fainos reflexionar sobre as nosas vidas, sobre o noso "modus vivendi".
Houbo días nos que saímos ler a fóra, sentadas/-os no chan, e recibindo a calor das raiolas lembrabámonos das historias que escoitaba Anya debaixo do castiñeiro.
Outros días lemos sentados/-as nas nosas cadeiras sentindo a rosada que entra polas ventás. Sentimos arrepíos aterecidos de sentimentos e fríaxe.
Rematamos a lectura e Sabela, a que lle deu vida a Anya e a Xiana, anúncianos a súa visita. O día 11 de decembro poderemos conversar con ela e preguntarlle todas as nosas dúbidas e curiosidades.
Por fin!!! Despois dunha longa espera chegou o día. Chegou Sabela e coa súa bondade enche o salón de actos. E trae a Xiana, dende Bugallo.
As verbas de Sabela, o son do acordeón de Alberto e os traballos e inquedanzas do meu marabilloso alumnado fixeron tremer o IES SANXILLAO. Ó igual que xa o fixera o cartel anunciador. Unha creación de María Ánxeles e Claudia, alumnas de 2.º de BACH, que nos quitou o alento cando a vimos.
En fin...unha experiencia única xuntar tantos e tantas artistas nestes tempos de illamento e soidade.
Unha conversa que nos fixo medrar alentados e alentadas por Sabela e pola súa solidariedade e implicación na construción un mundo mellor.
Esta si que foi unha clase maxistral para o alumnado de 1.º D e E, que de seguro vai permanecer no seu interior para sempre.
Se queredes saber máis sobre Anya e Uxía podedes visitar o seu blog.